• No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa, Ana María López, a concelleira de Cultura, Laura García, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García.

 

O Concello de Cariño presentou hoxe o cartel da XLVII Mostra de Teatro Galego, un evento xa emblemático no panorama cultural galego e unha das mostras teatrais máis veteranas de Galicia. Esta edición, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña e AGADIC, celebrarase do 3 ao 9 de agosto, cunha ampla programación que será desvelada nas próximas semanas.

O acto de presentación, que tivo lugar no Auditorio Municipal, contou coa intervención da alcaldesa de Cariño, Ana María López, a concelleira de Cultura, Laura García, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, e o deseñador do cartel, Borja Guerrero.

A rexedora quixo agradecer a colaboración da Deputación da Coruña e de AGADIC, así como o traballo feito polo deseñador, comentando que “somos moitos traballando de cara a esta Mostra, que xa se aproxima as cincuenta edicións, e que nos fai especial ilusión”. López afirma que “esta é, sen dúbida, a gran cita do noso Concello, e confiamos en que sexa unha gran edición, xa que contamos cunha programación de calidade para todos os públicos”.

O director de AGADIC, Jacobo Sutil, quixo agradecer ao Concello de Cariño por “seguir mantendo unha proposta cultural cunha calidade indiscutible, como será a edición deste ano, e que seguro que será todo un éxito”.

Na mesma liña, a deputada provincial, Cristina García, quixo felicitar ao Concello de Cariño de parte da Deputación da Coruña “por organizar un ano máis esta Mostra, que cumpre a súa 47ª edición, xa que son moitos anos de traballo e de aposta pola cultura”.

Un cartel cargado de simbolismo nunha edición con varias novidades

O cartel desta edición está realizado en acuarela polo artista Borja Guerrero e busca reflectir a historia do Concello vencellada ao teatro, mesturando varios factores para crear unha imaxe que, segundo explicou a concelleira de Cultura, Laura García, “transmite moi ben o que é Cariño e a súa xente e estamos seguros de que vai a gustar moito”.

Nesta edición, unha das grandes novidades é a posta en escena, o sábado 2 de agosto ás 12:00 horas, da obra “Ás 12”, unha creación do grupo de teatro de actividades extraescolares do concello que servirá para abrir o apetito antes do inicio oficial da Mostra. Esta montaxe conta coa dirección de Pepablo Patiño, recoñecido actor e membro da compañía Ghazafelhos. Trátase da primeira vez que este grupo actúa na Mostra, un fito que se destaca especialmente como proba do talento local e do compromiso coa educación artística dende idades temperás.

Como é habitual, a Mostra non se limitará aos espazos pechados. As rúas de Cariño volverán a encherse de teatro, espectáculos de circo, danza e maxia, con actuacións que serán anunciadas proximamente.

Así, a Mostra de Teatro Galego de Cariño manterá, un ano máis, o seu compromiso cun teatro plural, actual e enraizado no noso, sendo un espazo de encontro para todas as idades, sensibilidades e procedencias.

Logo Mostra Tetrato Galego Carino
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.