- Será a primeira vez que un grupo amateur formado por nenos e nenas das actividades extraescolares municipais actúe no marco da Mostra.
- O espectáculo representarase o sábado, 2 de agosto, no Auditorio Municipal.
A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño está a piques de levantar o pano, cunha programación oficial que ofrecerá 14 espectáculos entre o domingo 3 e o sábado 9 de agosto. Sen embargo, como antesala a esta semana de teatro, o sábado 2 de agosto ofrecerase unha función especial fóra de programación, aberta ao público e centrada no talento local.
Trátase da estrea de ‘Ás 12’, unha obra creada e interpretada polo grupo de teatro formado por preto dunha vintena de nenos e nenas das actividades extraescolares do Concello de Cariño. Por primeira vez, o grupo amateur subirá ao escenario no contexto da Mostra, aínda que fóra da súa programación oficial por unha cuestión de prazos. A función terá lugar no Auditorio Municipal ás 12:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
O grupo está dirixido por Pepablo Patiño, actor profesional e membro da recoñecida compañía Ghazafelhos. Patiño foi o encargado de guiar e dirixir todo o proceso creativo nesta montaxe, que supón todo un fito nos 47 anos da Mostra de Teatro Galego de Cariño.
A obra ‘Ás 12’ non só representa unha oportunidade única para que o público coñeza o traballo desenvolvido polos máis pequenos e pequenas ao longo do curso, senón que tamén visibiliza a importancia de incorporar espazos reais de exhibición para as novas xeracións, así como o compromiso do Concello de Cariño coa promoción do talento local.