Programa
MÉRCORES 10, XOVES 11 E VENRES 12 DE AGOSTO
Entre as 10 e as 14 horas
Dirixido a persoas a partir de 12 anos
Auditorio Municipal
20 €
Obradoiro de Creación Escénica con Ibuprofeno Teatro
Descrición
Inscrición dende o martes 26 de xullo ata o xoves 4 de agosto no correo cultura@concellodecarino.gal
Coordinan e Imparten: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.
O que propoñemos neste obradoiro é mostrar e reproducir a pequena escala o método de creación que nós fomos desenvolvendo a partir das nosas experiencias. A dinámica básica consiste en emprender un proceso de investigación e descubrimento a partir dun tema relacionado coa historia de Cariño. Propoñemos o sector da industria da conserva ou a carpintería de ribeira.
Mediante o xogo e as improvisacións individuais e colectivas, deseñadas a partir da documentación acadada en torno ao significado que ten o tema na comunidade na que se inscribe, trataremos de xerar contido escénico, non tanto para acadar un resultado óptimo para a representación, senón co obxectivo de experimentar o goce e a vertixe de crear teatro con liberdade.
Esta forma de traballar parte da premisa de que os actores e actrices son os verdadeiros creadores e creadoras. Son os e as participantes quen xeran os textos e as accións, a partir do material emotivo e imaxinativo que cada un pode achegar por si mesmo e na interacción en grupo, en relación co tema tratado.
VENRES 12 DE AGOSTO
12.00 horas
Casa do Concello - Itinerante
Fantoches Baj: “O Folión Do Zampón”
Descrición
Autor e director: Inacio Vilariño
Acompañamento musical: ODAIKO
Actores músicos: Inacio Vilariño, Fran Lareu, Vanesa Maceiras.
Xénero: Animación de rúa.
Duración: 60 minutos
Para todos os públicos.
O Folión do Zampón é un espectáculo de animación de rúa dirixido a todos os públicos. Mediante unha serie de fantásticos e singulares personaxes Fantoches Baj dará vida a unha aventura sorprendente. Cabezudos, zancudos, velocíclopes, actores e música en directo da man de ODAIKO. Estes son os ingredientes para unha xornada única. O xigante Zampón rouba a palabra Ledicia dos soños dos nenos. O investigador Brais Buscamáis e Chispín, músico da Banda que se dirixía a tocar á festa de Ledicia, lazaránse á procura do Xigante, máis antes de atopalo terán que superar algunhas probas.
20.30 horas
Praza do Campín
Entrada Gratuita
Acto Oficial de Presentación. Entrega do Premio do Público 2021 e do Premio do Público Infantil 2021
Fran Sieira, Compañía de Danza: “Coreografías Dun Demente”
Descrición
Autoría e coreografía: Francisco Agustín Sieira González
Dirección artística: Carla Diego Luque
Artistas en escena: André Adrio, Martín Mondragón, Adela Otero, Patricia Sánchez, Daniel Rodríguez, Francisco Sieira e Artur Pastoriza.
Duración: 30 minutos.
Público adulto. Danza de Rúa.
Un extracto de 30 minutos de duración do espectáculo “DeMente” en diurno, sen iluminación e escenografía, onde plasmaremos a esencia das coreografías grupais máis representativas da obra.
SÁBADO 13 DE AGOSTO
11.30 horas
Porta da Pulida
Entrada gratuíta
Teatro Ghazafelhos: “As Minas Do Rei Salomón”
Descrición
Texto e Dirección: Pepablo Patinho
Elenco: Montse Piñón, Jorge Casas, Pablo Sánchez e Pepablo Patinho.
Duración: 60 minutos.
Todos os públicos.
Enlace do vídeo:
Unha aventura por África evocando as pelis dos anos 30 e 40…
Quatermain, un cazador experimentado, é contratado por un magnate estadounidense para atopar as lexendarias minas do rei Salomón. Viaxes en avións de hélices, loitas con feras, enfrontamentos con canivais… incluso un encontro co mismísimo Tarzán… Unha divertida aventura por África cunha mensaxe ecoloxista.
13.15 horas
Campín
Entrada gratuíta
Concerto. La Quinkillada: “Gozar, Sentir, Bailar”
Descrición
Elenco: Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G., Daniel Acuña, Valverde e Rocío.
Duración: 70 minutos.
Todos os públicos.
Xénero: Verbena
No 2021 La Quinkillada comeza un intenso traballo de composición de temas propios con estilos dende a Rumba á Cumbia pasando por sons modernos. Gran a gran construíuse o primeiro traballo Gozar, Sentir, Bailar, dez cortes maioritariamente en galego con gran diversidade nas letras, dende a básica desconexión de festa a peñerse serios falando dos golpes desta vida. En 2022 verá a luz esta aposta coa única fin de facer o teu día un pouco mellor.
20.30 horas
Campín
Entrada gratuíta
Planeta Trampolí: “Back 2 Classics”
Descrición
Dirección artística: Planeta Trampolí.
Artistas en escena: Ángel de Miguel García.
Técnica Teatral: circo (cama elástica).
Duración: 40 minutos.
Público familiar.
Planeta Trampolí propón un espectáculo de cama elástica fresco, próximo e íntimo para toda a familia onde o circo máis clásico fusiónase con culturas urbanas a través do baile, a música e a arte do Turntablism (scratch con vinilos). Unha proposta onde a cama elástica toma vida propia entre as tolemias e acrobacias do seu protagonista. Unha viaxe ao pasado que máis nos namora, cheo de humor, poesía, ritmo e carambolas que cambiarán o concepto que temos da cama elástica.
DOMINGO 14 DE AGOSTO
11.30 horas
Casa do Concello - Itinerante
Entrada gratuíta
Troula Animación: “Circo Krasnovarak”
Descrición
Xénero: Espectáculo de rúa
Duración: 70 minutos
Para todos os públicos.
Nika chega puntual, coma sempre, ó punto de quedada, o sitio onde tiña que estar montada a carpa do… “Gran Circo Krasnovarak!”, pero… que acontece?, non hai carpa!, pero é que tampouco está Pepo o paiaso, nin os irmáns trapecistas…. NON HAI NINGUÉN!, Ó rato aparece Igor, o director e domador do circo, e resulta… que temos un problema maior!, os animais do circo…andan perdidos pola cidade!! Haberá que saír a buscalos!
13.15 horas
Campín
Entrada gratuíta
A Banda do Verán en Concerto
Descrición
Premio Martín Códax na categoría de Música Infantil
Artistas en escena: Xoán Curiel, Jara Ortiz, Carlos Freire, Alex Salgueiro, Antón Fernández e Sofía Espiñeira.
Xénero: Espectáculo musical.
Duración: 70 minutos
Público infantil e familiar.
Un espectáculo totalmente participativo onde se mesturan música e danza con elementos teatrais e de clown.
Un superconcerto cheo de ritmos e coreografías que mergullan a rapazas e rapaces nunha divertida festa.
Estilos como funk, rock, pop, reggae ou bossa nova atópanse neste espectáculo cunha banda de gran nivel.
20.30 horas
Praza Roxa
Entrada gratuíta
Cirque Entre Nous: “Entre Nous”
Descrición
Intérpretes e creadores: Héloïse Bourgeois, Matias Plaul, Jeremias Faganel, Constance Bugnon e David Ayotte.
Duración: 40 minutos.
Xénero: Circo.
Para todos os públicos.
Cirque ENTRE NOUS exterieur from Heloise Bourgeois on Vimeo.
Nun espazo ao descuberto, tres mastros, algunhas cadeiras desordenadas, uns instrumentos e unha música de fondo que convida ao encontro. Cinco artistas van chegando, as súas personalidades invaden o lugar, míranse aos ollos, sorrín, prepáranse, as liñas do mapa das súas vidas tráenos hoxe a este lugar, interactúan co público, falan, rin, cóntanse historias, cantan algunha canción. O ambiente é simple, relaxado, cómplice.
Os cinco amigos achéganse, a música invade o espazo, o movemento, a complicidade e os tres mastros na escena dan vida a este encontro tridimensional, onde o horizontal e o vertical confúndense e forman un espazo único.
Entre Nous… é un espectáculo de encontros, de compañía, de sosterse, de nostalxia, de humor, de música en vivo e de acrobacias vertixinosas. Un chamado a gritar e rirse ante a necesidade de mirarse e compartir este momento xuntos desde o primeiro ata o ultimo minuto.
LUNS 15 DE AGOSTO
12:00 horas
Auditorio Municipal
1€
Caramuxo Teatro: “A Nena Que Vivía Nunha Caixa De Mistos”
Descrición
Dramaturxia: Laura Sarasola e Juan Rodríguez
Dirección: Juan Rodríguez
Artistas en escena: Laura Sarasola
Duración: 45 minutos
Para público familiar e infantil a partir de 4 anos.
A nena que vivía nunha caixa de mistos from Caramuxo Teatro on Vimeo.
“A nena que vivía nunha caixa de mistos» é a terceira parte da triloxía sobre os contos populares, que comezou con «As fabas máxicas”, continuou con «Feo» (Premio María Casares a mellor espectáculo infantil) e rematará con este espectáculo.
A nova proposta de Caramuxo teatro está inspirada no conto «A vendedora de mistos» de Hans Chistian Ándersen. Un espectáculo cunha coidada posta en escena e cunha linguaxe contemporánea, utilizando como temática a pobreza infantil. Unha nena camiña pola rúa dun lugar a outro coa súa caixiña de mistos, a casa onde pasa a noite. Pola mañá sae pola vila para vender mistos a quen os necesite, no día a día coñece unha morea de personaxes e dous pequenos amigos, un vello can e un paxariño.
22.15 horas
Auditorio Municipal
5€
A Panadaría: “As Que Limpan”
Descrición
Creado e interpretado: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Duración: 75 minutos.
Para público adulto.
Un cartel pendurado no manubrio do cuarto: “por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as
camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son as que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador. As que limpan, fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras.
Hai que nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.
MARTES 16 DE AGOSTO
12:00 horas
Auditorio Municipal
1€
Culturactiva Producións: “Rosalía”
Descrición
Dirección: Fina Calleja
Artistas en escena: Rocío González e Cristina Collazo.
Duración: 50 minutos
Para público familiar e infantil.
ROSALÍA é moito máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro, é un espectáculo necesario. Nesta montaxe, os nenos e nenas descubrirán en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia. Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.
María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Butaca Zero: “Despois das Ondas”
Descrición
XVIII Premio “Rafael Dieste” de Textos Teatrais 2017 da Deputación da Coruña
Conmemoración do centenario do nacemento de María Casares
Autor: Ernesto Is
Dirección: Xavier Castiñeira
Artistas en escena: Belén Constela, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega e Ernesto Is.
Xénero:
Duración: 80 minutos.
Público adulto.
Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia nunha xira teatral.
A nena medrou para converterse na gran actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?
Nesta peza mesturando cine en directo, teatro e música poderemos percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.
MÉRCORES 17 DE AGOSTO
12:00 horas
Auditorio Municipal
1€
Tanxarina: “A Cazola de Lola”
Descrición
Autoría: Isabelle Carrier
Dirección: Cándido Pazó
Artistas en escena: Eduardo Rodríguez “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giráldez.
Duración: 50 minutos
Para público familiar e infantil a partir de 5 anos.
Lola sempre arrastra un cazo atrás dela. O cazo caeulle un día enriba…Non se sabe moi ben por qué. Por causa deste cazo, Lola xa non é de todo coma os demáis. Precisa de moito agarimo, é moi sensible e ten un gran sentido artístico. A miúdo as persoas só ven nela ese cazo que arrastra por todas partes. E atópano raro…Ademáis, o seu cazo complícalle a vida.
Afortunadamente existen persoas marabillosas, só fai falta dar cunha delas…
22.15 horas
Auditorio Municipal
5€
Ibuprofeno Teatro: “Smoke On The Water”
Descrición
Premio de Teatro Mome Varela Buxán 2013
Autor e Director: Santiago Cortegoso
Artistas en escena: Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio.
Duración: 85 minutos.
Traxicomedia sórdida con música en directo. Unha historia de sexo, drogas, rock and roll, enfermidade, violencia, prostitución, vandalismo, morte e, por suposto, de amor.Ritchie (Blackmore) vive ancorado no rock and roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este “status quo“ absurdo, en contínua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie. ….
A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex, propicia un final patéticamente feliz ao enredo amoroso-financieiro entre este grupo de seres
humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón.
XOVES 18 DE AGOSTO
12:00 horas
Auditorio Municipal
1€
Elefante Elegante: “Cubo”
Descrición
Dirección Artística e Interpretación: María Torres e Gonçalo Guerreiro.
Duración: 45 minutos
Para público familiar e infantil a partir de 4 anos.
CUBO é un espectáculo de teatro de movemento para público infantil e familiar. En escena, un cubo de 2 metros de lado onde habitan dúas personaxes. Xogan, cantan, rin, pelexan e berran. Un día decátanse de que queren ir máis lonxe e descubrir o mundo enteiro. C U B O fala do confinamento, da amizade, das separacións e da aventura de medrar.
20.30 horas
Exteriores do Auditorio Municipal
Entrada gratuíta
Paulo Maestro & Constance Hurlé: “Volátil”
Descrición
Dirección e Interpretación: Paulo Maestro e Constance Hurlé.
Duración: 45 minutos
Para todos os públicos.
Volátil é un espectáculo no que se mesturan performance, música e poesía. Neste evento disfrutaredes da conexión entre dous artistas e amigos que viven por e para o arte. Constance Hurlé e Paulo Maestro transportaranvos e levarán as vosas conciencias a disfrutar dun intre que, aínda que efímero, perdurará nas vosas memorias.
22.15 horas
Auditorio Municipal
5€
Talía Teatro: “Morte Accidental Dun Anarquista”
Descrición
Autoría: Darío Fo
Dirección: Cándido Pazó
Artistas en escena: Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Artur Trillo, Xurxo Barcala e Rubén Prieto.
Xénero: Comedia.
Público adulto.
Duración: 85 minutos.
Enlace do vídeo:
Milán, 1969. Un anarquista falece tras caer pola ventá dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. En plena investigación xudicial dos feitos, a aparición en dita comisaría dun “tolo“que se fai pasar por diferentes personaxes, logrará darlle a volta ás indagacións e descubrir a verdade. …
Cunha sátira implacable chea de humor, Dario Fo pon en evidencia a natureza da policía, os seus métodos manipuladores e a súa función represora, así como o importante papel dos medios de comunicación na súa busca da noticia e do “escándalo“.
VENRES 19 DE AGOSTO
12:00 horas
Auditorio Municipal
1€
Teatro del Andamio: “A nova historia da Cigarra e a Formiga”
Descrición
Autores: Álvaro Guevara e Tatiana Likhacheva.
Dirección: Tatiana Likhacheva.
Artistas en escena: Gema Ulloa e Fran Giraldo.
Duración: 55 minutos
Para público familiar e infantil a partir de 4 anos.
Quen non coñece a historia da Cigarra e a Formiga? A fábula de sempre: aquela, da cigarra preguiceira e da formiga obreira. Pero aquí ímosche contar «A nova historia da Cigarra e a Formiga» que comezou despois dunha noite de tormenta que fixo que todo cambiara … Cambiou a vida da formiga que vive na saída de emerxencia do seu formigueiro e de paso, coida as flores, pero tamén canta as cancións que inventa no seu tempo libre … Cambiou a vida de Cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo buscando un lugar mellor para vivir… en paz … Unha convivencia que non vai ser doada dende o primeiro momento. Esta historia fala do medo. Do medo a todo iso que non coñecemos, pero que tanto mellora as nosas vidas se somos quen de descobrilas.”
22.15 horas
Auditorio Municipal
5€
Contraproducións: “Cigarreiras”
Descrición
Espectáculo baseado en “La Tribuna” de Emilia Pardo Bazán.
Adaptación e Dirección: Cándido Pazó
Artistas en escena: Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola.
Xénero: Comedia.
Duración: 100 minutos.
Público adulto.
Un texto que aborda ante unhas figuras (a de Pardo Bazán e a das cigarreiras), unhas situacións e unhas referencias históricas de marcado interese cultural. Figuras, situación e referencias que dan pé a tratar temas totalmente vivos hoxe en día: memoria colectiva, perspectiva de xénero, dialéctica de modelos sociais e políticos…Temas que, ao fío dos vivos e brilantes argumentos aportados pola escritora e a súa novela, poden suscitar un grandísimo interese na sociedade actual, representada no teatro polo público.
No centenario do pasamento da novelista Emilia Pardo Bazán, Contraproducións presenta unha relectura dunha das obras máis interesantes da autora: A Tribuna. A muller, o amor e os prexuízos de clase son os temas ao redor dos que xira esta relectura, facendo fincapé no ambiente e primeiras loitas femininas das traballadoras da fábrica de Tabacos da Coruña. E todo isto cun trasfondo político onde se asiste ao ocaso dos Borbóns e á atribulada proclamación da I República.