Programa
XOVES 30 E VENRES 31 DE XULLO
Entre as 10 e as 14 horas
Dirixido a persoas a partir de 16 anos
Aforo máximo: 10 persoas
Auditorio Municipal
12 €
Obradoiro: “Pensar en movemento”
Programa: Cara a unha Escena Plural.
Descrición
Inscrición na Oficina de Turismo sita na Casa do Concello (Avda. da Paz, 2) entre os días 20 e 28 de xullo ou nos correos cultura@concellodecarino.gal e turismo@concellodecarino.gal
Coordinan e Imparten: Sabela Mendoza e Caterina Varela.
PENSAR EN MOVEMENTO. Un obradoiro teórico práctico de achegamento as artes do movemento.
Este obradoiro propón unha aproximación á danza e o movemento dende a teoría e a práctica. Durante dúas xornadas, introduciremos algúns dos conceptos básicos da danza contemporánea (tanto en relación á súa evolución como á súa linguaxe), aprendendo e exercitando ferramentas para a percepción corporal propia, e tamén para ampliar a mirada como público.
As sesións combinarán exercicios sinxelos de coreográficos e de movemento, con dinámicas de lectura e debate arredor de textos e materiais audiovisuais, sempre arredor da creación contemporánea. Daranse a coñecer algunhas das figuras actuais máis destacadas da creación coreográfica galega.
O obradoiro está dirixido a persoas interesadas no mundo escénico, sen necesidade de coñecementos previos, que queiran achegarse ou ampliar a súa experiencia en relación co movemento e os procesos creativos.
DO LUNS 3 AO XOVES 6 DE AGOSTO
Entre as 10 e as 14 horas
Dirixido a persoas a partir de 16 anos
Aforo máximo: 10 persoas
Auditorio Municipal
20€
Obradoiro de Teatro con Ghazafelhos
Descrición
Inscrición na Oficina de Turismo sita na Casa do Concello (Avda. da Paz, 2) entre os días 20 e 28 de xullo ou nos correos cultura@concellodecarino.gal e turismo@concellodecarino.gal
Coordinan e Imparten: Montse Piñón e Pepablo Patinho (Teatro Ghazafelhos) e Pablo Sánchez.
Este obradoiro de teatro de 16h. está dirixido a todas aquelas persoas, con ou si experiencia, que queiran explorar dun xeito práctico distintos métodos para atopar unha personaxe no teatro físico ou ampliar a súa experiencia en relación co movemento e os procesos creativos. O obxectivo do curso será coñecer dun xeito práctico distintas ferramentas para descubrir como contar co noso corpo unha historia. Para elo, iremos da man de Montse Piñón e Pepablo Patinho (Teatro dos Ghazafelhos) que nos amosarán distintos xogos e propostas escénicas para investigar o teatro físico; Pantomimas, teatro coas pernas, circo, clown, máscara… e unha clase específica de teatro xestual co actor, director e mestre Pablo Sánchez. O remate do curso, faremos unha pequena mostra.
DOMINGO 9 DE AGOSTO
12:30 horas
Itinerante
Barafunda Animación: «Aguillóns do Ortegal»
Descrición
Animación de rúa creada por Barafunda Animación para a Mostra de Teatro de Cariño. Catro persoas, caracterizadas dos tres Aguillóns de Cabo Ortegal así coma do Faro, tomarán as rúas e praias de Cariño co obxecto de animar á veciñanza e ás persoas que nos visiten a participar activamente nas diferentes actividades da Mostra.
20.30 horas
Praza do Campín
Entrada Gratuita
Inscrición previa
Acto Oficial de Presentación.
Entrega do Premio do Público 2019 e do Premio do Público Infantil 2019
Concerto: Festicultores Troupe
Descrición
Festicultores Troupe, os experimentados cultivadores de festas, celebrarán no 2020 por todo o alto o seu 15º aniversario.
Para este gran acontecemento “mundial” construíron un novo artefacto sonoro vangardista de tecnoloxía punta alieníxena, remolcado por un Tunningmotocultor Barreiros .
Un espectáculo visual, diferente, innovador e sobre todo moi moi divertido.
LUNS 10 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo reducido
Auditorio Municipal
1€
Galeatro: “Carabela”
Descrición
Dramaturxia: Paula Carballeira
Dirección: Davide González
Artistas en escena: Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González.
Duración: 50 minutos
Para público familiar e infantil a partir de 3 anos.
Carabela conta a historia dunha cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
MARTES 11 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo reducido
Auditorio Municipal
1€
Teatro del Andamio: “O Sal Do Mar E Outros Contos Mariñeiros”
Descrición
Dirección: Tatiana Likhacheva.
Artistas en escena: Gema Ulloa e Fran Giraldo
Duración:
Para público familiar. A partir de 3 anos
A Yago gústalle o mar e gústalle a aventura. Milleiros de veces xogaba co seu avó a ser mariñeiro: dar unha volta ao temón, tocar a campá, subir na ponte de mando do capitán e dar ordes. O avó sempre lle dicía: Oe, Yago, lembra, os mares non nos separan, únennos, somos moi diferentes e parecidos á vez!!!!
E agora o soño fíxose realidade, Yago vai facer a súa primeira viaxe!!! O seu barco aínda está atracado no peirao, pero xa soña con saír a navegar, cruzar os mares, descubrir lugares descoñecidos, coñecer xente nova e por fin… poder abrir o baúl cheo de tesouros, que lle deixo o seu avó»
MÉRCORES 12 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo reducido
Auditorio Municipal
1€
Excéntricas: “Cartóons”
Descrición
Creación en parcería de Víctor Mosquera e Josito Porto coa colaboración de Quico Cadaval, Kukas e Pepe Quintela
Dirección: Víctor Mosquera
Artistas en escena: Víctor Mosquera e Josito Porto.
Duración: 45 minutos
Público infantil e familiar, a partir de 4 anos.
“Cartóons” é unha peza teatral de Producións Teatrais Excéntricas que ten como protagonistas a dous “clowns” (pallasos). Os clowns, que teñen algo de debuxo animado (cartoons) no seu modo paródico e eficaz de comportarse, viven rodeados de cartóns, nun mundo de cartóns, esa materia valiosa como é o cartóns, que nós, inexplicablemente, tiramos ao lixo diariamente.
Desta maneira, o cartón serviralles para construír tubaxes de gas, cortinas nas xanelas, revisteiros, bandexas, edredóns, motos, parasois de praia, avións… en definitiva, todo o que o común da xente vai adquirir a unha coñecida multinacional sueca.
Este espectáculo é un vehículo de valores como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia. A arte poética de converter o refugallo en bens de uso, tamén incide nas tres famosas “R” do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.
XOVES 13 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo reducido
Auditorio Municipal
1€
Talía Teatro: “Lambetadas”
Descrición
Dirección: Santiago Cortegoso
Textos: Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa.
Artistas en escena: María Ordóñez e Diego Rey.
Xénero: Comedia. Clown. Teatro de obxectos.
Duración: 45 minutos
Público infantil e familiar. Maiores de 5 anos.
Lambetadas é un espectáculo para público familiar e infantil que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual.
Dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai. Hai linguas e linguas. E non hai unha igual cá outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Non vai lamber con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamber o que cada quen queira lamber. Para lambiscar e gozar, para darse gusto.
21:00 horas
Aforo reducido
Local Social da Casa do Concello
Entrada Gratuíta
Paulo Maestro: “Non Hai Dous Sen Trece”
Descrición
Gañador do Slam Poetry Compostela 2019
As casualidades non existen… pero suceden. Tanto é así que esta segunda actuación en Cariño tamén cadra en día trece. O conxunto de poemas que se recitasen este día terán tamén unha conexión xurdida en parte da casualidade, aínda que froito da necesidade, ao mesmo tempo.
Son Paulo Mestre e presento o meu traballo na segunda actuación deste fermoso pobo, que non sei se por casualidade ou non, resulta ser no que nacín e fun crecendo.
VENRES 14 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo reducido
Auditorio Municipal
1€
Redrum Teatro: “Contos Do Recreo”
Descrición
Dirección: Álex Sampayo
Elenco: Sheyla Fariña, Guillermo Carbajo e Carlos Álvarez-Ossorio.
Duración: 50 minutos
Comedia musical para toda a familia.
Público familiar a partir de 4 anos.
Alicia é unha rapaza que goza mofándose das súas compañeiras. No recreo previo ao exame máis importante do curso, aparece nun lugar máxico habitado por Xacobe, a estrafalaria estatua que custodia a porta que coroa o lugar. Para poder saír de alí e chegar ao exame, Alicia terá que resolver os enigmas e superar as probas que se agochan tras a porta dos recreos pasados, presentes e futuros.
SÁBADO 15 DE AGOSTO
12:00 horas
Aforo limitado
Campín
Entrada gratuíta
Inscrición previa
Circo Chosco: “Forzu2”
Descrición
Inscrición previa en www.reservas.gal
Elenco: Ariñe Azkue e Óscar Páez.
Técnica Teatral: circo cómico e portés.
Duración: 50 minutos.
Todos os públicos.
O humor e o absurdo son os fíos que tecen a trama deste espectáculo dun dúo de atletas, cómplices que se compenetran realizando trucos imposibles diante do público. Risco, desastre, sorpresa e surrealismo crúzanse coa impecable técnica en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume. Sempre en formato de clown, Circo Chosco realizan os seus impresionantes números agochándose baixo a apariencia de superacróbatas, de grandes magos ou de malabaristas matematicamente perfectos
20.30 horas
Aforo limitado
Campín
Entrada gratuíta
Inscrición previa
Cía. Vaya – B-Side: “Te Veo”
Descrición
Inscrición previa en www.reservas.gal
Artistas en escena: Berna Huidobro, Tim Belime, Elisa Strabioli e Thibaud Thévenet.
Técnica Teatral: teatro acrobático.
Duración: 45 minutos.
Público familiar.
TE VEO!
Somos as nosas memorias, experiencias e conquistas, as nosas confusións e soños…
Entramos na cabeza dunha persoa, para exteriorizar as súas voces internas e develar a sensibilidade, tolemia e estupidez humana…
A través de portelos acrobáticos, descubrimos o mundo interno dunha muller, develando o xogo das súas emocións e das súas sombras de cores. Unha balada a catro que mestura circo e teatro, en favor dun espectáculo dinámico e versátil, sobre o interior do ser humano.
DOMINGO 16 DE AGOSTO
12:00 horas
Casa do Concello - Itinerante
Entrada gratuíta
Catropés: “Animacreques”
Descrición
Elenco: Ánxela Blanco e Vanessa Rivas.
Xénero: Zancos, monicreques e danza.
Duración: 50 minutos
Para todos os públicos.
En Animacreques, a partir da técnica circense dos zancos e o virtuosismo da danza, xorde esta proposta de animación e intervención na rúa. Anxela Blanco e Vanessa Rivas (Catropés) propoñen un xogo visual que permitirá ao público participar e gozar desta peculiar relación entre monicreque e titiriteira.
13.15 horas
Aforo limitado
Campín
Entrada gratuíta
Inscrición previa
Concerto. PÍSCORE: “Concerto Con Fusión”
Descrición
Inscrición previa en www.reservas.gal
Premio do Público no Festaclown 2019
Premio Domingos do Principal de Pontevedra
Dirección: Fran Rei
Artistas en escena: Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas
Xénero: Musicomedia xestual.
Duración: 55 minutos
Público infantil e familiar.
Mantendo a anterior e exitosa líña de traballo marcada pola compañía, nesta produción (con)fusionamos música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público. Cunha marimba como eixo principal do espectáculo, Concerto con Fusión incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos, como música latina, rock & roll, reggae, pop ou música disco.
Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao palco cos seu instrumentos. O descubrimento dunha marimba e de todas as súas posibilidades fai que o que podería ser un desastre se convirta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical.
20.30 horas
Aforo limitado
Campín
Entrada gratuíta
Inscrición previa
Cía. La Sincro: “OhLimpiadas”
Descrición
Inscrición previa en www.reservas.gal
Premio Fetén ao Mellor Espectáculo de Rúa 2019
Espectáculo en residencia dentro do Circada 2018
Dirección: Javier Ariza.
Idea Original: Greta Marí e Mónica Suárez.
Artistas en escena: Berta Garriga e Mónica Suárez.
Voz en off: Julia Luna (comentarista dos Xogos Olímpicos en TVE).
Duración: 50 minutos.
Para todos os públicos.
¿Qué pasaría se a nosa vida fose retransmitida coma o Tour de Francia ou coma os saltos sincronizados…? ¿E se nos comportásemos como cert@s deportistas na nosa rutina diaria? Este espectáculo baséase na cotidianidade da vida retransmitida coma un deporte en directo para xerar un mundo rexido polo absurdo, onde o xesto deportivo e o mundo real mestúranse nunha quimera de disparate continuo.
LUNS 17 DE AGOSTO
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Chévere Teatro: “Curva España”
Descrición
Dramaturxia e Dirección: Xron
Artistas en escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco.
Xénero: Teatro documental
Duración: 90 minutos.
Para público adulto. Maiores de 13 anos.
Curva España. A historia da curva na que se matou España.
Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral. Este proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense) durante os últimos cen anos.
Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.
MARTES 18 DE AGOSTO
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Teatro do Noroeste: “As Virxes Salvaxes”
Descrición
Autor e Dirección: Eduardo Alonso
Artistas en escena: Ana Santos, Elina Luaces, Luma Gómez, Manuela Varela, Rosa Álvarez, Fernando González, Miguel Pernas e Imma António.
Xénero: Comedia.
Duración: 70 minutos.
Público adulto.
As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas até o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, é preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pe. A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma. De algún xeito, este espectáculo é unha homenaxe, se cadra un algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.
MÉRCORES 19 DE AGOSTO
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Excéntricas: “Medida x Medida”
Descrición
Autor: William Shakespeare
Dramaturxia e Dirección: Quico Cadaval
Dirección Musical: Bernardo Martínez
Artistas en escena: Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Víctor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez.
Xénero: Comedia
Duración: 110 minutos.
Público adulto. A partir de 13 anos.
Acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cai a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un xoven de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a sua irmá monxa, a abandonar o convento por tres dias coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a sua brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldos serán o labirinto que percorre Isabella na sua carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo, irrecoñecível baixo o hábito de frade mendicante.
XOVES 20 DE AGOSTO
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Teatro do Atlántico: “Dúas donas que bailan”
Descrición
Autor: Josep Mª Benet i Jornet
Dramaturxia e Dirección: Xúlio Lago
Artistas en escena: María Barcala e María Ángeles Iglesias.
Xénero: Comedia dramática
Duración: 90 minutos.
Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de tebeos da infancia, para a que só lle falta un exemplar, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos, cos que non mantén moi boa relación, e tamén da axencia inmobiliaria propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda.
A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana.
A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario non ten nada que envexar se o comparamos co da vella, outrora unha muller rebelde e activista.
A presenza desta muller non é ben recibida, e cada xornada convértese nun inquietante e por veces cómico “toma e daca”, que vai evolucionando sorprendentemente a cada instante.
VENRES 21 DE AGOSTO
22.15 horas
Aforo limitado
Auditorio Municipal
5€
Companhia do Chapitô: “Electra” (Portugal)
Descrición
Creación Colectiva
Dirección Artística: José Carlos García e Cláudia Novoa
Artistas en escena: Jorge Cruz, Nádia Santos e Tiago Viegas.
Xénero: Comedia.
Para maiores de 12 anos.
Duración: 60 minutos.
Despois de Edipo, a Companhia do Chapitô atrévese con outro título complexo (que non complicado) dentro da traxedia grega: Electra. Na Atenas do rei Agamenón convócase unha guerra para liberar á bela Helena das garras do seu secuestrador (ou non, que hai quen di que se foi con Paris encantada da vida). Ao non ter vento favorable para os seus barcos, Agamenón sacrifica á súa filla Ifigenia por indicación dos profetas. Este feito desencadea que Clitemnestra trame a súa vinganza xunto a Egisto, o seu amante e primo do rei. Tras dez anos de guerra, ao volver de Troia, Agamenón é asasinado e Electra, a filla preferida do pai, polo que sente devoción, consumará a vinganza coa axuda do seu irmán Orestes, matando á súa propia nai e ao tío. E todo este baño de sangue familiar cóntase ao estilo propio e inconfundible desta compañía: en clave de comedia desternillante.