- Na presente edición apostarase por unha programación variada, inclusiva e con actuacións para os diferentes públicos.
- Durante o festival farase a entrega dos galardóns da edición de 2024, co Premio Público Adulto para o Grupo Chévere e o Premio Público Infantil para a Compañía Píscore.
O Concello de Cariño presenta a programación completa da XLVII Mostra de Teatro Galego, unha das citas culturais máis veteranas e destacadas de Galicia. O evento celebrarase entre o domingo 3 e o sábado 9 de agosto, e traerá ao municipio 14 representacións de diversas temáticas, que se desenvolverán entre os dous escenarios habituais: o Auditorio Municipal da Casa da Cultura e a Praza da Pulida.
Nesta nova edición, participarán compañías de referencia no panorama escénico galego, como Teatro del Andamio, Malasombra Producións, Teatro Ghazafelhos ou o Grupo Chévere. Ademais, durante o festival tamén se entregarán os Premios do Público 2024, co Premio Público Adulto para o Grupo Chévere e o Premio Público Infantil para a Compañía Píscore.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, explicou que “nesta edición seguimos apostando polas raíces, por Galicia, con tintes actuais e modernos”. A rexedora tamén quixo agradecer expresamente o apoio da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como a colaboración do deseñador Borja Guerrero, autor do cartel desta edición, “por saber captar a esencia dunha cita tan importante para nós”.
Pola súa parte, o Departamento de Cultura, da man da concelleira Laura García, destacou que “este ano a prioridade era facer unha programación variada, inclusiva e para todos os públicos, algo que non é sinxelo. Hai moito traballo detrás, e de seguro o público gozará coa selección desta edición, que está chea de talento”.
Unha Mostra cargada de novidades
Unha das grandes novidades desta edición será a función que terá lugar o sábado 2 de agosto, como antesala oficial da Mostra. Nesa data estrearase a obra ‘Ás 12’, protagonizada por un grupo de mozos e mozas de Cariño participantes nas actividades extraescolares municipais. Trátase da primeira vez que un grupo amateur local actúa na Mostra, un fito que reflicte o compromiso do Concello coa promoción do talento local desde idades temperás. A montaxe está dirixida por Pepablo Patiño, recoñecido actor e membro da compañía Ghazafelhos, quen asumiu a dirección desta proposta coa que a mocidade cariñesa debutará no evento.
Ademais, a Mostra manterá a súa aposta por un teatro plural, accesible e interxeracional, ofrecendo espectáculos para todos os públicos, tanto en espazos pechados como nas rúas. O público poderá gozar de obras familiares e de adultos, danza contemporánea ou dos espectáculos de circo, facendo de Cariño un auténtico escenario aberto á diversidade cultural e artística. Comprometida coa inclusión, a programación inclúe tamén propostas con representación en lingua de signos e espectáculos protagonizados por artistas con discapacidade.
Programación completa
A programación da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño dará comezo o domingo 3 de agosto, coa celebración do acto inaugural. A continuación, ás 13:00 horas, a compañía Pedras de Cartón presentará na Praza da Pulida o espectáculo ‘Moby Dick’, unha adaptación da coñecida novela de Melville pensada para todos os públicos. A entrada será de balde. Xa pola noite, ás 21:00 horas, tamén na Praza da Pulida e con acceso libre, será a quenda da danza tradicional galega con ‘Un baile ceibe’, da Compañía de Danza Fran Sieira.
O luns 4 de agosto a actividade trasládase ao Auditorio Municipal, onde se ofrecerán dous espectáculos. Ás 12:00 horas, Teatro dos Ghazafelhos e Magín Blanco presentarán ‘A nena e o grilo camiño das cores’, unha proposta para o público familiar con entradas por 1,50 €. Pola noite, ás 22:00 horas, Malasombra Producións representará ‘Testosterona’, unha peza para todos os públicos con entrada por 6 euros.
A xornada do martes 5 de agosto arrincará ás 12:00 horas co espectáculo familiar ‘A nova historia da cigarra e a formiga’, da compañía Teatro del Andamio, cun prezo de 1,50 euros. Xa pola noite, ás 22:00 horas, o Grupo Chévere porá en escena ‘As fillas bravas de Momán 2025’, unha peza dirixida ao público adulto con entradas a 6 euros e que se representará tamén en lingua de signos. Antes da función, o grupo recibirá o Premio do Público Adulto 2024.
A programación continuará o mércores 6, ás 12:00 horas, coa Compañía Píscore e o seu espectáculo ‘Molto Barroco’, unha proposta para toda a familia con entradas a 1,50 euros. A entrega do Premio do Público Infantil 2024 á compañía terá lugar antes da función. Xa pola noite, ás 22:00 horas, a Compañía Berrombambán ofrecerá ‘Ubasute’, unha peza para público adulto con entradas por 6 euros.
O xoves 7 de agosto, ás 12:00 horas, Naúfragos Teatro subirá ao escenario do Auditorio Municipal con ‘Bule bule’, unha peza de teatro familiar con entradas a 1,50 euros. Pola noite, ás 22:00 horas, presentarase ‘Nada se sabe’, de Culturactiva Producións, unha obra coproducida polo Centro Dramático Galego e interpretada por persoas con discapacidade. O espectáculo terá entradas por 6 euros.
Xa o venres 8, ás 12:00 horas, Caramuxo Teatro representará ‘Crisálida’, unha proposta para público familiar con entradas por 1,50 euros. E pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda de ‘Arte sen guión’, da Compañía Galeteatro, tamén en coprodución co Centro Dramático Galego. Este espectáculo conta con entradas por 6 euros.
A clausura da Mostra chegará o sábado 9 de agosto con dúas funcións de circo ao aire libre na Praza da Pulida, ambas con entrada de balde. Ás 12:30 horas, o grupo Zirko Txosko presentará ‘Oh Pera!’, e ás 21:00 horas, pechará a edición o espectáculo ‘Rogelio III. La Fête’, da Agrupación Assircopatas.