• ‘Nada se sabe’ e ‘As fillas bravas de Momán 2025’ inclúen medidas específicas para persoas con discapacidade, promovendo un teatro máis inclusivo e accesible.
  • Algunhas destas medidas terán que ser solicitadas previamente chamando ao teléfono do Concello de Cariño.

 

A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño dará comezo este domingo, 3 de agosto, cunha programación que inclúe 14 espectáculos ata o sábado 9 de agosto. Un ano máis, a Mostra reafirma o seu compromiso co mellor teatro galego, combinando calidade artística sen esquecerse do compoñente social e inclusivo.

De feito, nesta edición, a organización dá un paso máis na súa aposta pola accesibilidade, incorporando medidas adaptadas que garanten o acceso á cultura a persoas con discapacidade. Dúas das funcións programadas contan con recursos específicos para facer o teatro máis aberto e integrador.

Un dos espectáculos destacados neste ámbito será ‘Nada se sabe’, unha coprodución de Culturactiva e o Centro Dramático Galego protagonizada por actores e actrices con discapacidade. Terá lugar o xoves 7 de agosto ás 22:00 horas no Auditorio Municipal, con entradas a 6 euros.

A obra, baseada na traxedia Filoctetes de Sófocles, mestura mitoloxía grega con vivencias reais do elenco, ofrecendo unha peza emotiva e reivindicativa. O espectáculo defende o dereito á inclusión cultural e denuncia o descoñecemento xeneralizado sobre a discapacidade, como indica o propio título.

Nesta peza, dúas actrices e dous actores con discapacidade recoñecida achegan distintas visións sobre a diversidade funcional a través desta adaptación do clásico grego, centrada na figura do excluído, do diferente, da persoa que a sociedade non sabe ou non quere integrar, propoñendo unha reflexión ao espectador.

O espectáculo conta con diversas medidas de accesibilidade. Haberá interpretación en lingua de signos española dispoñible durante a función, así como programas de man en Braille, programas de man ampliados para persoas con resto visual e un programa de lectura fácil a través dun código QR.

Ademais, haberá outras medidas que terán que ser solicitadas con anterioridade chamando ao Departamento de Cultura do Concello de Cariño (981 405 064). Estas son a visita táctil para persoas invidentes unha hora antes da función e a posibilidade de contar con ata 8 aparellos de audiodescrición para persoas con discapacidade visual. Para este último servizo, será preciso que as persoas interesadas o soliciten cun mínimo de tres días de antelación, así como levar auriculares propios.

O Grupo Chévere tamén se suma á accesibilidade escénica

Outro exemplo do compromiso coa inclusión será a función ‘As fillas bravas de Momán 2025’, do recoñecido Grupo Chévere, que contará tamén con interpretación en lingua de signos durante a súa representación.

O espectáculo presenta a historia de tres mulleres que seguen a tradición das súas devanceiras, nunha aldea imaxinaria chamada Momán, onde todo é posible. A través da música, a palabra e a memoria colectiva, a obra pon en valor a tradición oral galega e o papel da muller na construción dunha identidade común. Representarase o martes 5 de agosto ás 22:00 h no Auditorio Municipal, cun prezo de entrada tamén de 6 euros.

Logo Mostra Tetrato Galego Carino
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.