A XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño abrirá o pano cunha proposta moi especial protagonizada polo alumnado da Escola Municipal de Teatro. Antes do inicio oficial da programación do certame, os rapaces e rapazas subirán ao escenario do Auditorio Municipal para representar ‘Quen matou a Pepe Corleone?’, unha montaxe que pon en valor o talento da canteira teatral da vila.
A función celebrarase o sábado 1 de agosto, ás 12:00 horas, con entrada de balde. A obra, con guión e dirección de Pepablo Patinho, está interpretada por alumnado de entre 10 e 14 anos, que leva meses preparando esta proposta como culminación do traballo desenvolvido ao longo do curso.
Esta representación servirá de antesala á Mostra, un dos eventos culturais de referencia en Galicia, e constitúe unha oportunidade para visibilizar o importante labor formativo da Escola Municipal de Teatro e o compromiso de Cariño coa promoción das artes escénicas desde as idades máis novas.
O Concello de Cariño anima á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta función, que dará o pistoletazo de saída a varios días nos que o teatro volverá converter a vila nun referente da cultura galega.
