Cariño xa quenta motores para a celebración da XLVIII Mostra de Teatro Galego, que converterá a vila, un ano máis, nun dos principais escenarios das artes escénicas galegas. Entre o 2 e o 8 de agosto, o certame ofrecerá un total de 15 representacións, ás que se suma a función previa da Escola Municipal de Teatro de Cariño.
O alumnado da Escola Municipal será o encargado de abrir o pano antes do inicio da programación oficial. Será coa representación de ‘Quen matou a Pepe Corleone?’, unha obra con guión e dirección de Pepablo Patinho interpretada por rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos. A función está programada o sábado 1 de agosto no Auditorio Municipal a partir das 12:00 horas.
A inauguración oficial terá lugar o domingo 2 de agosto co espectáculo itinerante ‘Animacreques’, da compañía Catropés, que partirá ás 12:00 horas desde a Casa do Concello. A xornada continuará ás 13:00 horas na Porta da Pulida coa representación familiar ‘Historias para escagharriñarse’, de Teatro Ghazafelhos, e completarase ás 21:00 horas coa proposta de danza ‘Trïade e Alleo’, do Colectivo Glovo.
Ao longo da semana sucederanse as funcións familiares en horario de mañá e as representacións para público adulto nas sesións nocturnas do Auditorio Municipal. A programación reunirá compañías e artistas de referencia das artes escénicas galegas como Fantoches Baj, Chévere, Muu, Producións Teatrais Excéntricas, Galeatro e Xarope Tulú, Mariña Lestón, Tarabela Creativa, De Ste Xeito, Píscore ou Carlos Blanco.
A clausura da XLVIII Mostra celebrarase o sábado 8 de agosto na Porta da Pulida cunha dobre proposta gratuíta para todos os públicos. Ás 13:00 horas, A Vela Circo presentará ‘Enredos’ e, ás 22:00 horas, o ilusionista Joshua Kenneth pechará o certame co espectáculo de maxia ‘Degustación de imposibles’.
Venda de entradas e bonos
As entradas para as funcións familiares do Auditorio Municipal terán un prezo de 1,50 euros, mentres que as representacións para público adulto custarán 6 euros. Os espectáculos programados na Porta da Pulida serán de acceso libre.
As entradas individuais poderán adquirirse na billeteira do Auditorio Municipal desde 40 minutos antes do comezo de cada representación. Ademais, as persoas interesadas en asistir aos espectáculos de pago para público adulto poderán adquirir un bono por 25 euros no Servizo de Recadación do Concello de Cariño ata este venres, 31 de xullo.
Co inicio da Mostra xa á volta da esquina, Cariño ultima os preparativos para recibir unha nova edición dun evento consolidado como unha das grandes citas culturais do verán en Galicia, cunha programación pensada para atraer tanto ao público local como ás persoas visitantes.