O Concello de Cariño pechou de xeito “satisfactorio” a XLVIII edición da Mostra de Teatro Galego, un dos grandes eventos culturais do verán en Galicia. O evento, celebrado entre o domingo 2 e o sábado 8 de agosto, deixou un total de 15 espectáculos que levaron as artes escénicas a diferentes espazos da vila, principalmente o Auditorio Municipal e a Porta da Pulida. Como todos os anos, o peche da cita vén marcado tamén polo anuncio dos premios da convocatoria. Nesta ocasión, estes recaeron nas mans de Carlos Blanco (Premio do Público na categoría adulto) e nas da Compañía Píscore (Premio do Público na categoría infantil).
Ao longo de sete xornadas, a Mostra ofreceu unha programación diversa e pensada para diferentes públicos, con propostas de teatro, danza, circo, música, humor e maxia. As funcións familiares das mañás conviviron coas sesións nocturnas dirixidas principalmente a público adulto, nunha edición que volveu apostar pola variedade de formatos e linguaxes escénicas.
Premios
No apartado das votacións do público adulto, a obra gañadora foi A Penúltima, de Carlos Blanco. As votacións desta edición estiveron moi axustadas, con todas as obras moi próximas nas puntuacións e cunha valoración moi alta, o que evidencia a excelente acollida das propostas programadas.
Pola súa banda, no apartado infantil, a obra gañadora foi Concerto Singular, da Compañía Píscore, que repite o premio da edición anterior.
Asistencia
No que respecta á asistencia dos espectáculos para público adulto, os datos foron especialmente destacados: catro das funcións rexistraron cheo absoluto. Ademais, a quinta función acadou aproximadamente o 90 % da capacidade.
No caso dos espectáculos destinados ao público infantil, a asistencia acadou o 75 % da capacidade, mantendo tamén unha importante resposta por parte das familias e do público máis novo. Estes resultados representan unha mellora con respecto á edición anterior, tanto no número de espectadores como na resposta do público. A isto súmase o incremento do 17 % na venda anticipada de bonos, un dato que reflicte o crecente interese pola Mostra e a fidelidade do seu público.
O balance desta 48ª edición deixa, polo tanto, datos moi positivos tanto no ámbito da asistencia como na valoración dos espectáculos. As elevadas puntuacións nas votacións, as capacidades acadados e o incremento na venda anticipada de bonos demostran que a Mostra continúa medrando e consolidándose ano tras ano.
Próxima edición
Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Andrés Balado, o balance desta 48ª edición da Mostra é “satisfactorio”, destacando que “un ano máis conseguimos que o teatro e as artes escénicas ocupasen un lugar protagonista na vida cultural de Cariño e de Galicia”.
O concelleiro agradeceu o traballo de todas as compañías, artistas, técnicas e técnicos que formaron parte desta 48ª edición “que co seu talento, profesionalidade e compromiso lograron facer de Cariño o epicentro das artes escénicas de Galicia”. Do mesmo xeito, agradeceu ao público a súa participación, o seu apoio e a magnífica acollida que dispensou a todas as obras e propostas desta edición.
Balado tamén puxo en valor a variedade dos espectáculos e a resposta do público, comentando que “a Mostra permite que as familias desfruten de propostas especialmente pensadas para elas durante as mañás e que, ao mesmo tempo, pola noite poidamos ofrecer espectáculos de gran calidade para público adulto e adolescente. Esta combinación é unha das claves para que a Mostra continúe medrando e mantendo o seu carácter aberto a toda a veciñanza e visitantes”.
A organización xa pon a mirada na 49ª edición, un novo paso cara a un fito histórico: os 50 anos da Mostra, unha traxectoria que evidencia a súa importancia na vida cultural de Cariño e a súa contribución á difusión e promoción do teatro e das artes escénicas galegas.

